Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta de Galicia leva entregados aos veciños da comarca de Bergantiños-Costa da Morte 258 ordenadores para familias con menos recursos desde o inicio da crisis do coronavirus


Os equipamentos distribuíronse en todos os centros públicos galegos que imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional, que se encargan de entregalos ás familias
A Xunta de Galicia leva entregados máis de 258 ordenadores para familias con menos recursos nos concellos da comarca do Barbanza desde o inicio da crise do coronavirus.

A distribución destes portátiles levouse a cabo nun primeiro momento repartindo os equipos dispoñibles nos centros educativos cando se decretou e estado de alarma, nese momento repartíronse na comarca 124 equipos, e posteriormente a Xunta de Galicia está levando a cabo, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), un reparto de ordenadores portátiles con conexións a internet gratuítas, para as familias con menos recursos e cuxos fillos cursen Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional.

Esta medida realizase en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange. A familias reciben os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o estado de alarma. Neste caso na área de Bergantiños-Costa da Morte entregáronse 134 equipos, a segunda das entregas estase levando a cabo esta mesma semana.

Esta distribución de portátiles ás familias estase levando a cabo a través dos centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta previamente para pechar a entrega do equipamento. No reparto tense en conta a súa situación socioeconómica das familias, priorizando o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñen nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.

O delegado territorial Ovidio Rodeiro tamén lembrou que no momento en que se decretou o estado de alarma os alumnos integrados nos programas Abalar e Edixgal tamén tiveron a oportunidade de levarse aos seus domicilios os ordenadores, propiedade da Xunta. Neste caso, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte 246 alumnos contan con este tipo de equipos nos seus fogares. “Neste senso, apuntou Ovidio Rodeiro, hai que destacar que máis de 504 nenas e nenos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte contan con ordenadores da Xunta nos seus fogares para afrontar estes momentos tan difíciles”.

Acordo coa FEGAMP
Ovidio Rodeiro tamén lembrou que esta mesma semana a Xunta de Galicia aprobou que, -a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)-, a FEGAMP e os concellos de Galicia que o consideren, establecerán unha liña de colaboración para a mellora da conectividade e a dotación de recursos tecnolóxicos ao alumnado do ensino non universitario. O obxectivo deste principio de acordo é aproveitar as sinerxías, evitar solapamentos entre administracións e acadar a máxima cobertura do servizo no ámbito da atención educativa.

No acordo establécese que, por razóns de competencia, o Goberno galego atenderá con prioridade ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP, de acordo cos criterios de promoción e titulación. Pola súa banda, os concellos interesados en colaborar no préstamo e reparto de equipamento e conectividade de propiedade municipal daralle prioridade ao alumnado das etapas de Infantil e Primaria, de acordo coa Lei Orgánica de Educación e da normativa en materia de Réxime Local.

A maiores, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega traballarán coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) nun protocolo para a creación dunha base de datos de equipamentos única con destino ao alumando non universitario, que identifique os beneficiarios e evite eventuais solapamentos nas entregas do material. Trátase tamén de actuar baixo o principio de subsidiariedade administrativa de xeito que os equipamentos locais se circunscriban principalmente a atender as demandas nas etapas de Infantil e Primaria, mentres que a Xunta de Galicia lle da prioridade a ESO, Bacharelato e FP.

Finalmente, no que atinxe á recollida ou distribución de material non informático, estableceuse que os centros educativos poderán solicitar, se fose preciso, a colaboración dos servizos de Protección Civil ou da Policía Local, para efectuar ditas entregas.